Visita do primeiro ciclo de Primaria do CPI As Mirandas ao mercado municipal de Ares

Comparte esta nota de prensa

Share on facebook
Share on linkedin
Share on twitter
Share on email

O mercado municipal de Ares recibiu onte a visita dos alumnos do 1º ciclo de Primaria do CPI As Mirandas, que percorreron estas instalacións co obxectivo de coñecer como é o día a día nun mercado de abastos.

Os escolares puideron deambular polo recinto e descubrir a variedade de postos e produtos que se poden atopar nel, dende froita, verduras e peixe, ata queixos, doces ou frores. En definitiva, os artigos máis frecuentes que conforman a cesta da compra das familias.

Tras o percorrido por cada posto e as preguntas aos seus responsables, cada grupo deixou un debuxo que formará parte do mural “Quere o teu mercado”, con frases que plasman a súa visión da praza de abastos local e das vantaxes de mercar nela.

Ademais, ao concluir, a concelleira de Comercio, Lucía Blanco, entregou a cada un dos escolares un agasallo: unha mochila isotérmica, un libro, un bloc de notas e unha mazá.

Lucía Blanco indicou que “trátase de apoiar ao comercio local e dar visibilidade aos traballadores do mercado, á vez que concienciar desde idades temperás do consumo saudable e responsable, dando a coñecer os produtos de proximidade e achegando aos máis pequenos de forma divertida á realidade do mercado municipal”.

Esta iniciativa organizada polo Concello, en colaboración co CPI As Mirandas, encádrase dentro da campaña “Quere o teu mercado” que a Xunta promove xunto aos concellos, co obxectivo de apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas vilas.

Dentro das actividades programadas polo Concello con motivo desta campaña mañá, sábado 28, aproximadamente ás 11:30 horas, o mercado acollerá unha actuación da banda de gaitas de Ares para dinamizar o consumo durante a xornada.

Pódeche interesar