Os máis pequenos de Ares e Mugardos achéganse a unha visión lúdica do atletismo

Comparte esta nota de prensa

Nos próximos martes que restan deste mes de marzo, os escolares de ambas vilas veciñas desfrutarán de disciplinas atléticas combinadas co xogo no campo de fútbol municipal de Prados Vellos.

Trátase dun programa promovido polos Concellos de Ares e Mugardos dentro da campaña XOGADE, da Secretaría Xeral para o Deporte

Esta mesma semana arrancou no campo de fútbol municipal de Prados Vellos unha das últimas actividades co foco posto nos nenos e nenas aresáns e mugardeses. Trátase de “Atletismo Divertido”, unha iniciativa organizada polos Concellos de Ares e Mugardos para achegar a práctica atlética aos máis pequenos, sempre baixo unha óptica educativa e lúdica que garanta a calidade dun primeiro contacto co deporte.

Tanto neste pasado martes, 15 de marzo, como nas xornadas do 22 e 29, escolares de entre 6 a 12 anos de todos os colexios de ambas contornas municipais terán carreiras, saltos e lanzamentos en probas coordinadas polos adestradores-monitores do Club Atletismo de Narón. As metodoloxías combinan as diferentes disciplinas co xogo, tamén tendo en conta a importancia de que as crianzas asocien o deporte en xeral e o atletismo en específico cun compoñente de diversión.

Así, sempre haberá unha primeira quenda ao longo das mañás (10.00 a 12.00 horas) para a rapazada de Mugardos e, posteriormente, outra (12.00 a 14.00 horas) para os nenos e nenas de Ares. Os xogos e circuítos da iniciativa beneficiaranse do gran potencial educativo e formativo do atletismo, buscando primar sempre a participación por encima da competitividade.

“Atletismo Divertido” é parte da campaña XOGADE da Secretaría Xeral para o Deporte, que permite organizar actividades físico-deportivas baseadas na promoción da saúde, o benestar e o acceso sen ningún tipo de discriminacións dos escolares a elas. Dende a Organización de Atletismo Divertido tamén adiantan que, tras o remate desta actividade, haberá unha continuación do XOGADE coa práctica de múltiples deportes náuticos, con considerable pegada nas contornas municipais de Ares e Mugardos.

Pódeche interesar