O CPI As Mirandas sortea un cadro de Víctor Manuel Rodríguez Saavedra para sufragar unha das saídas didácticas culturais da ESO

Comparte esta nota de prensa

Share on facebook
Share on linkedin
Share on twitter
Share on email

A obra pictórica, un acrílico de dimensións 140×100, está exposta na Casa da Xuventude municipal ata o 26 de xuño, data do sorteo.

As rifas poderán adquirirse no propio centro educativo, amais das vendas que realizará a mocidade aresá pola vila.

O Centro Público Integrado (CPI) As Mirandas vén de iniciar recentemente unha campaña de recadación de fondos para unha das saídas didácticas culturais do estudantado de 3º da ESO. Os mozos e mozas venderán rifas pola vila, e tamén no propio colexio, para sortear o cadro “Cabo Prioriño”, do profesor Victor Manuel Rodríguez Saavedra, que tamén organiza a saída didáctica do alumnado.

A obra pictórica, de feito, atópase exposta no último andar da Casa da Xuventude municipal, no marco da colaboración do Concello co CPI As Mirandas na recadación dos fondos. A veciñanza poderá achegarse a velo no horario de apertura habitual do edificio ata o 26 de xuño, data oficial do sorteo do cadro ás 12:00 horas no consistorio de Ares.

Rodríguez Saavedra, licenciado en Belas Artes (1990-1995) en Pontevedra, é docente de Debuxo e xefe de departamento dende 1999. Foi segundo premio de Pintura “Bello Piñeiro” de Mugardos e Mención de Honor no Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán de Begonte, en Lugo, amais de realizar múltiples exposicións individuais na contorna de Ferrol e A Coruña.

Xusto no día de onte achegouse a concelleira de Educación, Noelia Montero Candal, ás instalacións da Casa da Xuventude para oficializar a recepción e exposición do cadro.

Pódeche interesar