O Concello simplifica os actuais horarios de buses para facelos máis accesibles á veciñanza

Comparte esta nota de prensa

A Concellaría de Mobilidade vén de publicar hoxe mesmo un novo deseño dos horarios de transporte metropolitano xestionado por UTE Hércules Norte; unha simplificación que se produce tendo en conta os problemas que se detectaban para a comprensión e lectura dos horarios proporcionados pola empresa adxudicataria.

Co obxectivo de achegar unha información o máis accesible para a veciñanza de Ares usuaria do transporte público, o Concello distribuirá polas paradas os horarios simplificados, que tamén están xa dispoñibles na páxina web municipal para a súa consulta. Esta nova versión pon o foco na nosa localidade, centrándose nas conexións existentes con Mugardos e con Ferrol, para que canto menos se poidan consultar as horas de saída de cada un destes puntos.

Lucía Blanco, concelleira de Mobilidade, aproveitou a publicación do novo deseño para enfatizar “o importante que é poder ter esta información máis clara, despois de ver as necesidades que había sobre todo nas persoas maiores, tanto para ler como para comprender os horarios actuais das paradas”.

“Entendemos que levar a cabo esta tarefa de síntese é parte do servizo público que facemos dende o Concello, aínda que directamente non nos corresponda. Estamos para axudar á veciñanza cos recursos cos que contamos”, expuxo Lucía Blanco.

👉 Horario liñas accesibles en pdf 👇
http://www.concellodeares.com/archivos/convocatorias/horarios_traasporte_simplificados_ares-04-03-2022.pdf

Pódeche interesar