O Concello licita a adquisición dun vehículo que fará de punto limpo móbil na localidade

Comparte esta nota de prensa

Share on facebook
Share on linkedin
Share on twitter
Share on email
Suporá un investimento de case 86.000 euros, a través dunha subvención da Xunta con fondos NextGeneration da Unión Europea, e mellorará o servizo de tratamento dos residuos, achegándoo máis directamente á veciñanza.

O vehículo permitirá recoller residuos especiais coma pequenos electrodomésticos, pilas e baterías, lámpadas, calzado, roupa ou aceites minerais e vexetais.

O Concello vén de informar da licitación do subministro dun punto limpo móbil, incluíndo un camión-guindastre, esta mesma semana, tras a publicación do anuncio na plataforma de contratación do sector público. As empresas interesadas terán ata o 26 de setembro para presentar as ofertas, de cara a reforzar o servizo de recollida de residuos existente na actualidade en Ares.

A través desta acción, a localidade aresá contará cun novo equipo que achegará maior versatilidade, ao poder trasladar o tratamento de residuos especiais ás parroquias ou colocalo en determinados eventos e/ou actividades de especial interese. O punto limpo móbil terá seis contedores nos que depositar, principalmente:

• Pilas e baterías
• Lámpadas e tubos fluorescentes
• Aceites minerais
• Aceites vexetais
• Pequenos electrodomésticos
• Roupa e calzado

Incrementarase así a tipoloxía de obxectos e residuos a recoller que existe na actualidade, reforzando o servizo municipal en xeral, e sobre todo permitirá cambiar cada certo tempo o lugar onde se estableza o punto limpo móbil, informando á veciñanza previamente do troco.

Segundo os pregos técnicos, o vehículo que fará de punto limpo móbil suporá un investimento de 85.910 euros, impostos incluídos, recibidos a través dunha liña de subvención da Xunta de Galicia cofinanciada polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, con cargo á Unión Europea-NextGeneration.

En última instancia, o subministro do punto móbil está en consonancia coas dinámicas de corresponsabilidade actuais, na que tanto institucións coma ciudadanía xogan un papel fundamental na procura dunha economía circular e de prácticas que promovan a mitigación do cambio climático.

 

Pódeche interesar