O concello consegue unha subvención de 46.000 euros para a renovación do patio da Escolas do Lago

Comparte esta nota de prensa

Share on facebook
Share on linkedin
Share on twitter
Share on email

Mentres as obras no segundo edificio das Escolas do Lago avanzan a bo ritmo, o Concello recibiu a pasada semana unha excelente noticia: a concesión  dunha subvención de 46.000 euros para a renovación do patio.

A axuda conseguida, que foi tramitada polo Concello ante Turismo da Xunta a través dos Fondos Europeos Next Generation, permitirá levar a cabo unha actuación por valor de 51.000 euros, asumindo a administración local o importe restante. A intervención permitirá o empedrado do chan do recinto exterior, e tamén do caleixón lateral para mellorar a accesibilidade.

As Escolas do Lago, inauguradas en 1955 e deseñadas polo recoñecido arquitecto Rodolfo Ucha, foron obxecto dun profundo proceso de renovación por parte do Concello de Ares, co obxectivo de preservar o seu valor histórico e mellorar o seu estado de conservación. A primeira fase de renovación realizouse no primeiro edificio, cunha intervención completa que incluíu a rehabilitación de cubertas, tabiquería interior, pavimentos, instalacións eléctricas, aseos ou pintura, entre outros aspectos.

Posteriormente, levouse a cabo a rehabilitación do peche do conxunto das Escolas, cun investimento destinado á rehabilitación do muro perimetral e a mellora da accesibilidade de todo o conxunto, eliminando as barreiras arquitectónicas existentes. Actualmente, están a executarse as obras de renovación do segundo edificio, cun investimento de 273.073,06 euros, que incluirá melloras similares ás realizadas na primeira edificación, co obxectivo de completar a rehabilitación integral desta importante infraestrutura histórica.

A recente subvención obtida polo Concello permitirá levar a cabo a renovación do patio, un espazo emblemático da antiga escola de nenas que forma parte do conxunto arquitectónico. Esta intervención incluirá a substitución do pavimento existente de formigón por outro novo con lousas de granito, e ademais  realizarase a pavimentación do caleixón da entrada lateral para unha mellor conexión e accesibilidade co exterior, utilizando a mesma tipoloxía de materiais.

Desde a concellería de Urbanismo destacan que todas as actuacións realizadas  poñen de manifesto o compromiso do Concello coa conservación do patrimonio cultural local e a mellora das infraestruturas e espazos públicos.  A concelleira Olimpia Marcos destacou que  “a consecución desta axuda supón o paso definitivo para completar a recuperación das Escolas do Lago, un proceso no que o Concello implicouse constantemente na procura de financiamento e co que se culminará a súa recuperación total como espacio cultural e socio comunitario”

Pódeche interesar