O Concello adxudica o proxecto básico para acondicionar o interior da Rectoral

Comparte esta nota de prensa

Esta mesma semana formalizouse a adxudicación das obras, que permitirán reformar un espazo de interese patrimonial, edificado en 1696, a través dun investimento de 121.527 euros, IVE incluído, asumido entre os fondos municipais e o POS+2021 da Deputación da Coruña.

A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar a adxudicación definitiva do proxecto básico de acondicionamento do interior da Rectoral de Ares, o edificio do casco urbano da vila incluído no catálogo de bens protexidos por patrimonio e construido a finais do século XVIII. As obras reformarán o seu interior e recuperarán o inmnoble para o seu emprego público, con usos tanto culturais coma sociais.

Na actualidade, a Rectoral atópase baleira por dentro, sen forxados ou pavimentos, coa cara interna dos muros con limo, sen revestimentos e cunha planta superior afectada por desplomes accidentais. A estrutura en si sufriu ao longo dos últimos anos unha degradación progresiva dende o seu abandono coma vivienda do párroco de Ares.

Por iso, a intervención recentemente adxudicada pretende seguir a estela de anteriores proxectos, como foi a rehabilitación da cuberta e exteriores da casa co obxectivo de conservar e recuperar o seu estado orixinal, desta volta incorporando actuacións en numerosos elementos que conforman o interior da edificación. Traballarase así sobre a tabiquería, a carpintería interior e exterior (portas e ventás), o chan (incorporando tarima de castaño), a fontanería e sanitarios, a electricidade e mesmo a iluminación (con luminarias de tipo LED), entre outros.

En esencia, executarase unha reforma que aumentará a superficie útil da Rectoral, pasando dos 171,13 metros cadrados actuais aos 277,09 metros cadrados despois do proxecto, pola ampliación da planta superior. Porén, si que se conservarán elementos como a envolvente exterior, a estrutura da cuberta, o muro interior de separación de espazos, o porche e portas de cantería, os recercados das ventás e portas ou o patín de entrada con escaleiras, un elemento que outorga singularidade ao inmoble; é unha das tres edificacións en todo Ares que conta cun patín destas características, xunto coas instalacións do Xulgado e a Casa da Xuventude, ambos xa de titularidade municipal e rehabilitados no seu día para os usos actuais.

O investimento total que supón este proxecto é de 121.527,56 euros, IVE incluído, con 80.189,86 euros asumidos pola Deputación da Coruña no POS+2021 e 41.337.70 euros das arcas do Concello.

Pódeche interesar