Ares celebra o Día das Bibliotecas cun contacontos e un espectáculo musical

Comparte esta nota de prensa

A Concellaría de Cultura programa as actuacións para o xoves, 20 de outubro, e o venres, 21, ambas ás 18:00 horas na biblioteca municipal aresán.

Alma Barrón, edila de Cultura de Ares, vén de anunciar as dúas iniciativas que organizará o Concello para celebrar o Día das Bibliotecas 2022, unha data que defende o papel central que xogan estes espazos públicos no coidado da cidadanía e da comunidade na que se inscriben.

Así, o salón de actos da Alianza Aresana converterase no epicentro de dúas actividades que permutan entre a narración oral e a música:

O xoves, 20 de outubro, ás 18:00 horas, Tarabela Creativa desembarcará no municipio co seu contacontos “Quen ten cú, ten medo”, unha actuación “só para as familias máis valentes” que rescata historias da tradición galega: 60 minutos onde lobishomes, magas, monstros, a Santa Compaña ou as casas encantadas aparecen e desaparecen, pero sempre aprendendo a combater o medo que provocan coa risa.

O venres, 21 de outubro, no mesmo horario (18:00), Paco Nogueiras trae o seu espectáculo musical “C@nto contigo”. Música, baile e risas achegan o galego ás familias de maneira lúdica e divertida, con cancións para participar activamente e cun amplo abano de estilos, dende o tecno ao rock. Toda unha oportunidade para transformar a biblioteca municipal de Ares nun lugar onde cantar coas amizades.

Pódeche interesar