Ares acollerá unha ampla xornada divulgativa sobre a violencia de xénero e a muller migrante

Comparte esta nota de prensa

Dende ás 10:00 horas e ata ben entrada a tarde do 21 de novembro, o Concello promove 4 conferencias e 1 faladoiro da man de especialistas nesta materia.

As inscrición son totalmente gratuítas, abertas á veciñanza e interesados/as, vía telemática en https://anotame.es/ares/.  

O Concello vén de facer pública esta mesma mañá a programación das Xornadas de Violencia de Xénero e Muller Migrante organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) municipal e a Concellaría de Igualdade e Benestar.

Así, ao longo da mañá e da tarde do próximo luns, 21 de novembro, a Alianza Aresana reunirá a 6 especialistas nesta materia, o impacto da violencia de xénero na muller migrante, e acollerá 4 conferencias e 1 faladoiro para achegar un coñecemento de calidade á veciñanza.

O evento comezará coa súa actividade ás 10:15 horas coa inauguración oficial por parte do alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, e Victoria Montenegro, concelleira de Igualdade do municipio, e continuará coa primeira das ponencias, a impartida por María Teresa Bustamante, avogada e especialista en exclusión social, “Abordaxe legal na violencia de xénero na muller migrante”, ás 10:30 horas. De seguido, preto das 12:00 horas, a psicóloga sanitaria e forense Aurora Veiga Lema debullará os aspectos psicolóxicos desta tipoloxía de violencia machista.

Antes do peche da mañá do 21 de novembro, o salón de actos da Alianza Aresana contará cun faladoiro sobre os “Factores de vulenerabilidade na violencia de xénero: muller migrante, menores e familia” entre estas dúas expertas e Angelly Ferreiro Silva, educadora social e activista antirracista, coa moderación de Esther Montero Martínez, especializada en malos tratos.

A quenda de tarde, a partir das 16:30 horas, arrancará cunha conferencia de Beatriz García Méndez centrada na “Prostitución e a trama coma formas de violencia cara a muller migrante”, en base ó seu campo de exercicio profesional coma avogada especializada en estranxeiría.

A ampla xornada divulgativa que converterá a Ares nun espazo de reflexión sobre unha problemática que está á orde do día pechará a súa actividade con Lorena Nieto Iglesias (17:30 a 18:30 horas), psicóloga sanitaria especializada en igualdade e experta en atención psicolóxica de emerxencias, para contextualizar o modelo integral de atención en violencia de xénero na muller migrante.

As inscricións para asistir ó evento xa están abertas á veciñanza aresán e outros interesados/as, sendo totalmente gratuítas e facéndose telematicamente en https://anotame.es/ares/.  

DÍPTICO PROGRAMA XORNADAS en pdf

Pódeche interesar