A Concellaría de Comercio organiza a terceira edición do “MercAres” co foco posto na dinamización do consumo de proximidade

Comparte esta nota de prensa

Share on facebook
Share on linkedin
Share on twitter
Share on email

93 negocios aresáns súmanse á iniciativa do Concello para fomentar a compra na hostalería e comercios locais.

Desenvolverase, coma anteriores edicións, do 1 de decembro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023 distribuíndo aproximadamente 280 vales-rascas e 5.000 euros en premios.

O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias, e a concelleira de Comercio, Lucía Blanco, veñen de presentar esta semana no consistorio da localidade unha nova edición do MercAres, a principal campaña de promoción do consumo local que organiza o Concello en datas de especial relevancia para a compra de proximidade.

“Vista a acollida tan positiva das dúas anteriores edicións tanto por parte dos negocios de Ares coma da veciñanza, tiñamos que continuar co esforzo de apoio ao comercio e hostalería da nosa vila. O MercAres é unha das mellores ferramentas para coidar o tecido comercial que nos é máis próximo”, salientou Lucía Blanco dende a súa área de Comercio.

A nova edición do MercAres producirase entre as datas do 1 de decembro de 2022 e o 31 de xaneiro de 2022 e basearase nuns vales que se rascarán, cada un con diferentes tipoloxías de premios que van dende os 5, 10 e 20 euros ós 100 e 500, a máxima contía que se poderá recibir. Segundo vén de desvelar a Concellaría de Comercio, repartiranse un total de 5.000 euros divididos nuns 280 vales.

Así, por cada compra superior a 10 euros nun dos establecementos adheridos á campaña de apoio o cliente recibirá un destes rascas e, se resulta premiado, deberá gastar a cantidade recibida en calquera dos 93 negocios de hostalería e pequeno comercio que se inscribiron no MercAres. O obxectivo final é dinamizar o tecido comercial cun círculo de consumo que fique na contorna municipal.

A celebración do MercAres, ademais, está moi relacionada coa posta en marcha dunha forma de consumo máis sustentable e solidaria, axudando a construír lazos máis fortes entre a institución local, a veciñanza e os negocios de Ares.

Pódeche interesar