O complexo acuático dos Concellos de Ares e Mugardos comezará a funcionar a principios do mes de marzo
19 Xaneiro 2011 13:38O complexo acuático dos Concellos de Ares e Mugardos entrará en funcionamento a comezos de marzo, unha vez que as obras do centro de recuperación (spa) estarán rematadas no prazo aproximado dunha semana e a concesión da xestións das instalacións será aprobada, agás que xurdan problemas de última hora, no pleno de fin de mes que se celebrará no Concello de Mugardos o día 28 deste mes –o órgano de adxudicación correu a cargo da administración mugardesa posto que o inmoble ubícase en dito termo municipal-.
Esta mañá, o grupo de goberno daba conta da proposta de adxudicación desta concesión, que se dará a coñecer en dito pleno e que, unha vez aprobada, terá unha vixencia de oito anos. Unha vez que os traballos do centro de recuperación estean listos, levarase a cabo a limpeza da parcela e o seu acondicionamento, mentres que, no que se refire á concesión, a empresa adxudicataria disporá do prazo dun mes, contado dende que se produza a concesión definitiva, para poñer todo en marcha, tanto o que se refire ao servizo en sí mesmo como á habilitación interior das instalacións –ximnasio, vestiarios, etc.-. Deste xeito, e seguindo o calendario da administración, o día 1 o complexo acuático podería estar xa funcionando.
Como se lembrará, a piscina foi executada pola Deputación Provincial, que preside o socialista Salvador Fernández Moreda, mentres que a construcción do centro de recuperación, que integra un spa, foi asumido polos Concellos de Ares e Mugardos –municipios que comparten este complexo acuático- e financiado na súa totalidade grazas ao Plan E do Goberno central do ano 2010. Ademais da piscina, as instalacións ofrecen un completo centro de recuperación, con spa, e un ximnasio, que será acondicionado cos elementos e maquinaria necesaria por parte da empresa adxudicataria.