O grupo de goberno cualifica como "sarta de mentiras" un panfleto do BNG sobre o POL
01 Octubre 2010 09:49O grupo de goberno cualifica como “sarta de mentiras” e “burda manipulación” o panfleto que o BNG de Ares está a repartir estes días entre os veciños e veciñas do municipio criticando aos responsables municipais polo Plan de Ordenación do Litoral (POL), da Xunta. Ademais de considerar “ilóxico” e “incoherente”, agás que obedeza a razóns electorais, que os ataques vaian dirixidos ao goberno municipal, cando os promotores e responsables en todo momento da tramitación e futura aprobación do POL é o Executivo autonómico, o equipo de goberno de Ares afirma que o escrito da organización nacionalista está cheo de mentiras.
Así as cousas, o alcalde lembra que o POL foi, dende un primeiro momento rexeitado polo pleno da corporación aresana, ao tempo que subliña que el mesmo xestionou unha reunión –xa celebrada- entre os voceiros dos grupos municipais e o director xeral de Sostenibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, na que se abordaron as discrepancias e posibles solucións aos problemas plantexados dende as formacións políticas con representación no Concello. E lonxe de deixar esta cuestión aparcada e paralizada, o rexedor socialista mantivo un segundo encontro, esta vez acompañado polos técnicos municipais, para tratar de concretar as cuestións abordadas na primeira das reunións.
Ademais, os responsables locais aseguran que ninguén impide que o BNG presente as alegacións que estime pertinentes como o fixo Concello, a instancias do propio equipo de goberno. Estas reclamacións xa foron rexistradas na Xunta.
Polo tanto, é evidente e perfectamente demostrable que o alcalde de Ares, lonxe de manter unha “sospeitosa actitude de conformismo e deixación”, como afirma o BNG no seu panfleto, traballou a reo e en colaboración co resto de formacións políticas –incluida a nacionalista- para modificar un documento que non comparte dende o seu inicio.