O Concello repara e mellora a pavimentación de numerosos camiños de todo o municipio
01 Octubre 2010 09:46O Concello de Ares vén de rematar unha serie de actuacións de reparación, mantemento e mellora na pavimentación de viais municipais, concretamente en Pedrós, Ares, O Castro, Seselle, Poellas, O Penedo, Maiobre, Lubre, Simou, Barallados, Besoxo e O Franco. O obxectivo destes traballos foi o de dotar dunha mellora evidente das comunicacións ás zonas obxecto das intervencións, así como evitar que os firmes continuaran degradándose.
Baixo estes parámetros, as obras consistiron no desbroce e taluzado de cunetas; reposición e colocación de salvacunetas; explanación nas zonas designadas; realización de subbases formadas por capa de zahorra e capa de grava; reparación de baches e desniveis dos firmes; e tratamento con triple rego asfáltico ou aglomerado asfáltico. O investimento total nestas intervencións ascendeu a 185.395,61 euros e o prazo de execución dos traballos foi de dous meses.
Todas estas obras enmárcanse dentro do plan de mellora dos camiños e viais do municipio que está a desenvolver o goberno socialista dende o inicio do mandato, con numerososas e importantes actuacións en todas as parroquias e lugares de Ares.