O CONCELLO DE ARES RECUPERA ANTIGAS TRADICIÓNS E CELEBRA A I FEIRA MARIÑEIRA, QUE SE DESENVOLVERÁ OS DÍAS 13,14 E 15 DESTE MES NO PASEO MARÍTIMO E NO ENTORNO DA PRAZA DA IGREXA
02 Agosto 2010 12:44As vellas tradicións vencelladas ao mar, ar artes mariñeiras e, todo iso, mesturado coa fantasía e a cultura, chegarán a fin de semana do 13 deste mes a Ares, coa celebración, ata o domingo 15, da I Festa Mariñeira. Os postos, fundamentalmente de artesanía e gastronomía, que este ano tomarán parte nesta iniciativa promovida pola área de Cultura do Concello, estarán ubicados no paseo marítimo e no entorno da praza da Igrexa. Ademais de decoración específica e temática dos mesmos, os motivos mariñeiros tamén serán os protagonistas das rúas, vivendas e incluso algúns establecementos –aos que o Concello dirixiuse pedindo a súa colaboración- ao longo destes tres días.
Esta iniciativa contará tamén con diversos espectáculos en vivo de música, teatro ou circo que amenizarán, sen lugar a dúbidas, as xornadas festivas. A inauguración terá lugar o venres 13 ás seis da tarde, hora a que se dará lectura ao pregón e un pasarrúas anunciará o comezo da feira, mentres que un espectáculo de luces e estrelas, programado para as 21.30 do domingo 15, servirá para despedir esta primeira edición da Feira Mariñeira, que o Concello pretende dar continuidade en vindeiros anos.