O Concello de Ares colabora un ano máis na III Bandeira de Traiñeiras do Club de Remo
10 xuño 2010 16:34O porto de Ares acollerá o domingo, día 13, a partires das 11.30, a terceira Bandeira de Traiñeiras “Concello de Ares”, unha regata organizada polo Club de Remo local que, un ano máis, conta coa colaboración da administración municipal. Precisamente a esta colaboración referiuse o presidente da entidade, Germán Sánchez, no marco da rolda de prensa celebrada esta mañá na Alcaldía, na que tamén participaron a concelleira do equipo de goberno Victoria Montenegro, o directivo do Club de Remo José Ramón Montero Penedo (Tombo) e o remeiro Juan Carlos Rodríguez. Sánchez destacou a implicación do Concello con este deporte e, en concreto, con esta regata, xa que sen a súa axuda sería imposible o seu desenvolvemento.
A III Bandeira de Traiñeiras “Concello de Ares” será a primeira regata da Liga Galega de Traiñeiras, cuxa presentación oficial terá lugar este sábado en O Grove. No caso da regata de Ares, o presidente do Club de Remo informou de que, por vez primeira, participarán 17 clubes, o que congregará na vila a unhas mil persoas durante a mañá do domingo.
En canto aos obxectivos ligueiros, Sánchez indicou que a embarcación local tratará de manter o mesmo posto acadado o ano pasado, o 8º. “Este ano cambiamos a traiñeira e temos uns remeiros cunha media de idade de vinte anos”, manifestou o máximo responsable da entidade local, que engadíu que “temos unha aposta de futuro”.
A traiñeira que resulte gañadora o domingo recibirá de mans do alcalde, Julio Iglesias, a bandeira, que estivo exposta ata hoxe nun establecemento do paseo marítimo e esta mañá luciu na Alcaldía durante a rolda de prensa. Ademais, repartiranse 6.000 euros entre as 17 traiñeiras participantes, determinándose a contía segundo a clasificación final.
Durante a regata, sortearanse un xamón a unhas botellas de viño.
Pola súa banda, a concelleira socialista subliñou o compromiso do goberno local co deporte de Ares e, a este respecto, fixo fincapé nas políticas, non só de infraestructuras e equipamentos, senón tamén de promoción do deporte base e de axuda ás entidades locais para o desenvolvemento das diferentes modalidades, como o remo –cunha importante implantación neste municipio-, a náutica, o fútbol ou a ximnasia rítmica, entre outros. Ademais, destacou que a organización de iniciativas como esta regata axudan notablemente a dar a coñecer Ares, o que, sen dúbida, favorece ás políticas que tamén se están desenvolvendo dende o Concello para incrementar o turismo.