O programa "Por terra, mar e aire" remata a fin de semana con tres rutas ciclistas
08 xuño 2010 12:52“Baixamos Montefaro” é o nome da iniciativa que se desenvolverá o vindeiro sábado, día 12 de xuño, e que consiste na baixada en bicicleta de montaña por un circuito marcado no monte de Montefaro. O punto de encontro desta actividade, que se enmarca dentro do programa de actividades ao aire libre “Por terra, mar e aire”, que organizan conxuntamente os Concellos de Ares e Mugardos, será o mosteiro de Santa Catalina, á que os participantes deberán acudir ás 09.00 horas.
Esta ruta vai dirixida a persoas de 15 anos en adiante, que deberán aboar 10 euros, máis outros 8 para o seguro no caso de que non estean federados. Ademais, hai que destacar que esta actividade, que ofrecerá servizo de duchas, mecánico e asistencia médica, contempla unha pinchada final, así como agasallos e trofeos para os participantes. Os acompañantes que o desexen poderán disfrutar, mentres se desenvolve a baixada ciclista, dunha ruta de sendeirismo guiada e, no caso de que queiran participar no ágape, debebarán pagar oito euros. En total, haberá 200 prazas.
Os ingresos terán que efectuarse na conta de Caixa Galicia 2091-0211-27-3000065434, indicando o nome do participante e o nome da actividade.
O programa “Por terra, mar e aire”, que comezou o 15 de maio, rematará con “Entre dúas rías”, que esta edición incorpora unha modalidade especialmente destinada para mulleres. Esta última ruta cicloturista de dificultade moderada, que non exclúe a participación masculina, terá lugar o 12 de xuño ás 16.00 horas dende o pavillón polideportivo de Mugardos. Os participantes, de 15 anos en adiante, terán que pagar 10 euros –oito máis se non son federados para o seguro- na conta de Caixa Galicia anteriormente citada e, como a baixada a Montefaro, haberá agasallos, trofeos e pinchada final, así como avituallamento en ruta, duchas, mecánico e asistencia médica.
“Entre dúas rías”, neste caso a carreira de BTT de dificultade media-alta con 51 kilómetros de percorrido e tramo libre, será o día 13 de xuño ás 09.00 horas dende o pavillón de Ares. O prezo da actividade é de 12 euros –oito máis para non federados-. O resto de condicións é similar á ruta anterior.
Para recibir información ou formalizar inscripcións neste programa de BTT haberá que dirixirse ás web de Bimares ou do Club Ciclista Ferrol (www.bimares.net e www.clubciclistaferrol.es- ou ben mandando un correo electrónico a correo@bimares.net ou bimares@bimares.net. No número 646 413 548 resolverán calquera dúbida e/ou aclaración. Nestas actividades admitiranse inscripcións o mesmo día das probas sempre e cando haxa prazas libres.