O Concello porá en marcha co gallo do Corpus un dispositivo especial de tráfico na vila
02 xuño 2010 17:11O Concello de Ares, a través da Concellería de Tráfico e a Policía Local, porá en marcha un dispositivo especial de tráfico co gallo do Corpus, que se celebrará este domingo, día 6 de xuño. Co obxectivo de facilitar o normal desenvolvemento dos actos programados, entre o que destaca a elaboración das alfombras florais e a procesión que terá lugar despois da misa das cinco da tarde, levaranse a cabo unha serie de medidas especias.
En concreto, non se poderá estacionar nin circular entre as 13.00 horas do sábado 5 e a tarde do domingo na praza da Igrexa, no tramo comprendido entre Saavedra Meneses e a rúa Real; na rúa Real, dende a praza da Igrexa ata a rúa Xuncal; na rúa Xuncal, entre o cruce do local Calle 88 e o número 135 da rúa María; e na rúa María, dende dito número e ata o 61.
Dado que algúns grupos de veciños comezarán os traballos dous ou tres días antes desta celebración –concretamente, para o pintado e marcado de figuras-, en zonas puntuais que estarán sinalizadas axeitadamente poderase interrumpir o paso de vehículos ou o estacionamento, aínda que unicamente será o tempo que estes veciños precisen para poder rematar ditos traballos. As zonas que se poden ver especialmente afectadas son o treito da rúa Real comprendido entre a avenida de Mugardos (farmacia) e as Escolas do Lago (rúa Xuncal), donde os veciños comezarán a traballar dende mañá xoves, así como os viais anteriormente mencionados.
Dende o Concello faise un chamamento á colaboración cidadá, ao tempo que se piden disculpas de antemán polas molestias que estas medidas extraordinarias e puntuais poidan ocasionar.