O municipio de Ares celebra mañá unha das xornadas principais das festas do Entroido
16 Febreiro 2010 09:12O municipio de Ares celebra mañá mércores a xornada principal, xunto coa do pasado domingo, do Entroido. De feito, o mércores de cinza é festivo local dende hai xa varios anos, o que incrementa notablemente a participación dos veciños e veciñas na programación promovida pola Concellaría de Cultura.
Así, as actividades iniciaranse sobre as 17.00 horas co desfile dos entroidos participantes no concurso, pasarrúas e animación de pallasos, animador e zancudo. Como o domingo, o desfile partirá da Porta do Sol e rematará na praza da Constitución.
O concurso de entroidos premiará ao que sexa máis orixinal e elaborado para a súa posterior queima. Nesta iniciativa poderá participar todo aquel que queira, debendo inscribirse ata o día 12 do concurso na Alianza.
Ás 17.30 comezará a festa presentada por dous pallasos que, xunto cun animador e un zancudo, divertirán a todos os asistentes con diferentes xogos. Ademais, haberá discoteca móbil con DJ, láser, fume, etc. e dous monitores de globoflexia.
Como en anos anteriores, nesta festa non podía faltar o chocolate quente e orellas, que se repartirán entre os asistentes por un euro.
Despois do fallo do xurado e a entrega dunha cesta de produtos desta tempada para o mellor entroido, procederase á queima na praia de todos os entroidos participantes, rematando a festa cunha sesión de fogos artificiais de caixas chinesas na rampa do Casino.