Disfraces, comparsas e chocolate con orellas nas festas de Entroido do Concello
05 Febreiro 2010 06:52O Concello de Ares, a través da área de Cultura, vén de pechar un completo programa de actividades para festexar o Entroido, que neste municipio ten os seus días centrais o domingo 14 e o mércores 17. De feito, o mércores de cinza é festivo local, tal e como acordou por unanimidade o pleno da corporación.
A festa comezará o 14 ás 17.15 co desfile das comparsas A Revolta, Troupele, Os nenos de Lola e Suricata, que farán o percorrido comprendido entre a Porta do Sol e a praza da Constitución. As comparsas irán acompañadas polas persoas disfrazadas que queiran participar nesta iniciativa.
Unha vez na praza da Constitución –en caso de choiva os actos serán no patio cuberto do CPI Conde de Fenosa-, terá lugar un concurso de disfraces –sobre as 18.30 horas-, dividida en dúas categorías, a infantil (ata 14 anos) e a de adultos. No primeiro dos casos, o gañador recibirá unha cámara dixital, mentres que no segundo o premio será un reprodutor de DVD. Os interesados en participar neste concurso deberán inscribirse ata o día 12 (venres) na Alianza Aresana.
A entrega dos agasallos levarase a cabo despois da actuación sobre o escenario das comparsas, rematando a primeira xornada festiva cun pasarrúas coas comparsas e os veciños e veciñas disfrazados.
Xa o mércores, as actividades iniciaranse sobre as 17.00 horas co desfile dos entroidos que participen no concurso, pasarrúas e animación de pallasos, animador e zancudo. Como o domingo, o desfile partirá da Porta do Sol e rematará na praza da Constitución.
O concurso de entroidos premiará ao que sexa máis orixinal e elaborado para a súa posterior queima. Nesta iniciativa poderá participar todo aquel que queira, debendo inscribirse ata o día 12 do concurso na Alianza.
Ás 17.30 comezará a festa presentada por dous pallasos que, xunto cun animador e un zancudo, divertirán a todos os asistentes con diferentes xogos. Ademais, haberá discoteca móbil con DJ, láser, fume, etc. e dous monitores de globoflexia.
Como en anos anteriores, nesta festa non podía faltar o chocolate quente e orellas, que se repartirán entre os asistentes por un euro.
Despois do fallo do xurado e a entrega dunha cesta de produtos desta tempada para o mellor entroido, procederase á queima na praia de todos os entroidos participantes, rematando a festa cunha sesión de fogos artificiais de caixas chinesas na rampa do Casino.