O Concello garantirá o transporte escolar e de pasaxeiros entre Chanteiro e Ares
04 Febreiro 2010 09:34O Concello de Ares garantirá durante o tempo no que se prolonguen as obras de execución da EDAR en Chanteiro o transporte escolar e de viaxeiros. Así o decidíu o goberno local esta mesma mañá despois de que a empresa que habitualmente leva a cabo este servizo decidise suspendelo mentres duren ditos traballos.
Aínda que o servizo non é competencia da administración local, senón da autonómica –responsable das obras da depuradora e competente en materia de educación-, os responsables municipais optaron por solucionar o problema de forma inmediata e, deste xeito, dende hoxe mesmo poñerán taxis a disposición dos escolares, doce, que residen en Chanteiro, para deixalos e recollelos nas súas vivendas. En total, serán tres os taxis –o número podería incrementarse en función das necesidades dos alumnos- que realicen este servizo e que, polo tanto, acudirán todos os días pola mañá a recoller aos pequenos –os nenos entran ás 09.30- e os leven de novos ás súas casas ás 15.10 horas.
Esta mesma mañá, o Concello, en coordinación coa Dirección do CPI Conde de Fenosa e a ANPA do centro, recolleu os datos dos pais e nais deste nenos para, a continuación, poñerse en contacto con eles e informarlos da medida adoptada polo grupo de goberno para garantir o transporte escolar entre Chanteiro e Ares.
Pero é que, ademais, o Concello porá a disposición dos veciños outro taxi para facer os desprazamentos entre Chanteiro e Ares durante as semanas nas que o servizo de autobús non funcione. Segundo explicou o concelleiro de Obras e Servizos, José Ferreiro, todos os días, ás 10.00 na parada da praia de Chanteiro e ás 10.05 na praza do núcleo urbán, haberá un taxi que levará aos veciños á vila e que regresará ás 12.00 dende Froiz.
Este servizo comezará a funcionar a partires de mañá venres.
Aínda que estas dúas medidas serán sufragadas polo Concello, o goberno local pensa reclamar posteriormente a contía das facturas á administración competente.