O pleno aproba dúas novas ordenanzas fiscais que regulan o aproveitamento do espazo público
28 Xaneiro 2010 11:19O pleno da corporación aprobou esta mañá, cos votos favorables de PSOE, PP, NAL e do concelleiro non adscrito a grupo municipal e coa abstención do BNG, dúas novas ordenanzas fiscais. Ditas normas, que agora pasarán a exposición pública, consisten, no primeiro dos casos, na regulación e implantación dunha taxa polo aproveitamento especial de terreos de dominio público con caixeiros automáticos instalados na fachada de establecementos (bancarios, vending e videoclub) e con acceso directo dende a vía pública. Para o alcalde, o socialista Julio Iglesias, a norma consiste na aplicación dunha taxa similar á que se lle impón ao resto da cidadanía cando, por exemplo, precisa do corte dunha vía pública para facer unha mudanza, ou, en definitiva, precisa do espazo público para a realización de calquera actividade privada.
Esta ordenanza rexirase por un cadro de tarifas e por unidade, implantando unha taxa de 250 euros anuais polo aproveitamento en rúas de primeira categoría e de 150 para as de segunda.
A outra ordenanza aprobada esta mañá regula a taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial de dominio público local por parte das empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil. Como explicou o alcalde, trátase de que as grandes compañías que instalan antenas neste municipio e, polo tanto, aprovéitanse do espazo radioeléctrico local, tributen, como xa fan en moitos concellos.
A cota tributaria comprendida na ordenanza será a do resultado de multiplicar o número de aboados ou clientes da empresa que teñan o seu domicilio no termo municipal de Ares polo 1,5 por 100 dos ingresos medios de operacións de telefonía móbil en todo o Estado. Para iso, tomaranse como ingresos medios os resultantes de dividir a cifra de ingresos por operacións en todo o Estado dos operadores de telefonía móbil polo número de clientes desta telefonía en todo o Estado, atendendo para iso aos datos que ofrece para cada exercicio o Informe Anual da Comisión do Mercado de Telecomunicacións.
Tamén aprobouse por unanimidade a proposta do grupo municipal do PP relativa á reasignación de asistencia dos seus concelleiros ás comisións informativas, despois da marcha dun dos seus edís; proposta que foi enmendada cun engadido do BNG incrementando a presenza dun concelleiro da organización nacionalista nunha das comisións para, deste xeito, axustar o criterio de proprocionalidade de cada agrupación nestes órganos municipais.