O Concello renova con Álvaro Illobre o convenio de colaboración
22 Decembro 2009 09:57O alcalde de Ares, Julio Iglesias, e o tenista local en cadeira de rodas Álvaro Illobre, renovaron esta mañá o convenio de colaboración polo que o Concello súmase ao patrocinio deste grande deportista, un dos que ten unha maior proxección internacional. Deste xeito, e como destacou o rexedor socialista, a administración local pretende axudar na medida das súas posibilidades a Illobre que, como dixo Iglesias, leva o nome de Ares por todos os lugares do mundo, que son moitos, nos que compite.
De feito, non é que unicamente o tenista sexa un aresán de pro, senón que tamén leva publicidade institucional do Concello, as pegatinas de “ViveAres”, tanto na súa camiseta de xogo como na cadeira de rodas. Como se lembrará, Illobre é o número 2 de España en tenis sobre cadeira de rodas e o 69 a nivel internacional, o que o levou, e así continúa, a participar nos máis prestixiosos e importantes campionatos, tanto a nivel nacional como internacional, e en diferentes Xogos Paralímpicos
O alcalde, ademais, anunciou que de cara ao vindeiro ano o Concello manterá dito convenio de colaboración, ao que se sumará unha empresa.