O Concello de Ares ampliará as zonas wifi no municipio de Ares coa instalación de puntos de acceso no CIRS de Cervás e no centro cultural O Outeiro
18 Marzo 2009 13:09O Concello de Ares ampliará as zonas wifi no municipio, unha iniciativa que puxo en marcha o equipo de goberno ao inicio do presente mandato e que continúa co obxectivo de permitir o acceso de balde a Internet para os veciños en diversos espazos públicos. Deste xeito, nun prazo aproximado de dúas semanas –antes de Semana Santa-, os servizos informáticos da administración local instalarán puntos de acceso no CIRS de Cervás, que darán cobertura ao aparcadoiro do local, o parque infantil e ao espazo no que está instalada a barbacoa, así como no centro cultural O Outeiro, en Chanteiro, que tamén abarcará o parking, as pistas deportivas, barbacoa e zona de xogo infantil.
Estes dous puntos, ao que se engadirá proximamente outro na Tenencia de Caamouco, súmanse aos que xa están operativos na Casa Consistorial e o seu entorno, o parque Rosalía de Castro, a aula de informática e as Alianzas Aresanas e proximidades.
Precisamente esta mañá o alcalde de Ares, Julio Iglesias, participou xunto coa directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, nos actos de entrada en servizo do acceso a Internet a través de banda larga e con tecnoloxía Wimax, un proxecto desenvolvido pola Consellería de Industria en convenio co Concello aresán, que solicitara a este departamento da Xunta a posta en marcha desta iniciativa para solventar a imposibilidade dos veciños desta parroquia a conectarse a Internet. Polo tanto, e como destacou o rexedor socialista, estas iniciativas veñen rachar cunha longa etapa e abre outra na que todos os veciños do municipio de Ares terán os mesmos dereitos para acceder ás novas tecnoloxías, cada vez máis necesarias na vida cotiá e laboral.
Ata o momento, son 53 as familias que solicitaron a instalación deste sistema, das que 31 xa contan coa instalación e, polo tanto, xa poden acceder a Internet e demais servizos que se ofertan, mentres que as restantes, correspondentes a veciños de Cervás, terán cobertura nun prazo máximo de tres semanas.
Ademais, Veiguela presentou a dinamizadora que atenderá dous días á semana –os martes- ás persoas que previamente se inscriban nos centros de Cervás e de Chanteiro para participar en obradoiros de formación na utilización do ordenador para o acceso a Internet. En total, habilitáronse sendos espazos nos locais sociais referidos, que contan, no caso de Cervás, con tres ordenadores de sobremesa, e, no de Chanteiro, con dous, que serán completados con varios portátiles para incrementar na medida do posible a oferta formativa. A directora xeral indicou que o máis importante desta rede é o seu labor dinamizador, subliñando que a finais de febreiro eran 21.117 os usuarios integrados en dita rede. Destes, o 63% son mulleres e o 19% maiores de 55 anos, o que confirma, dixo, que o principal obxectivo da iniciativa, que é o de chegar aos colectivos en perigo de exclusión das novas tecnoloxías –sobre todo mulleres e maiores-, está cumprido.
En cuestión de días, marcarase unha data de inicio dos obradoiros e abrirase un prazo de inscripción en ditos centros sociais.
En total, o investimento foi de 69.426 euros.