O alcalde acude á inauguración da exposición itinerante "Golfiños na proa", patrocinada pola Deputación
02 Decembro 2008 09:50O alcalde de Ares, Julio Iglesias, acudirá mañá mércores á inauguración da exposición itinerante “Golfiños na proa”, unha mostra que ten como eixo conceptual do proxecto ao veleiro “Nieves” –barco que porta dita mostra- e que ten como obxectivo dar a coñecer a riqueza do patrimonio marítimo galego e os cetáceos de Galicia. O acto terá lugar ás 12.00 horas no barco, que permanecerá atracado no peirao aresán entre mañá e o vindeiro domingo, día 7 de decembro.
A entrada á exposición, organizada por Acquavisión Galicia e patrocinada pola Deputación Provincial, é gratuita, podéndose realizar visitas guiadas para escolares, grupos e colectivos, previa reserva nos números 986 731 246 ou 689 160 318, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas. A visita ten unha duración aproximada de 60 minutos e estará guiada en todo momento por un biólogo intérprete ambiental ou polo patrón do “Nieves” e a súa tripulación.
A través desta iniciativa, os visitantes descubrirán a historia da vida dunha grande embarcación con 90 anos de historia ás súas costas e que serve como exemplo de vida de calquera embarcación tradicional galega. Este proxecto pretende achegar ás persoas que na provincia de A Coruña viven a carón do mar a importancia e a evolución do patrimonio marítimo galego, así como dar a coñecer as especies de mamíferos mariños que se atopan na costa galega, o seu xeito de vida e a súa distribución, promovendo un sentimento de respecto e conservación polo noso mar.