A Escola de Nais e Pais do Concello, "Escolares", comezará o vindeiro xoves na Alianza Aresana
24 Novembro 2008 11:10Un total de dez persoas, todas elas mulleres, inscribíronse ata o momento en “Escolares”, a Escola de Nais e Pais organizada pola área de Servizos Sociais que comezará a funcionar o vindeiro xoves, día 27, na Alianza Aresana. Esta iniciativa nace coa idea de fomentar este tipo de grupos como ferramentas útiles para levar a cabo o día a día da educación dos seus fillos, sobre todo cos numerosos cambios producidos na sociedade actual.
Neste sentido, os principais obxectivos de “Escolares” son o de crear un espazo de reflexión con nais e pais do Concello de Ares; asentar un espazo de diálogo e reflexión sobre diferentes temáticas relacionadas coa educación dos fillos; potenciar o coñecemento sobre determinadas cuestións necesarias para afrontar dita educación; propiciar un espazo cómodo para afrontar as problemáticas máis habituais dos nenos; e xerar unha dinámica de compartir experiencias e vivencias entre nais e pais para construir pautas educativas.
Os contidos que se abordarán nestas actividades serán consensuadas entre os participantes e sempre atendendo ás necesidades do grupo establecido. Aínda así, algúns dos temas propostos versarán sobre as etapas evolutivas dos nenos, o tempo libre na familia, a educación afectivo/sexual, a resolución de conflitos de familia, a modificación de condutas, os recursos sociocomunitarios e a prevención de drogodependencias.
O curso, que terá unha periodicidade mensual e que se prolongará ata xuño de 2009, será impartido pola Educadora Familiar do Concello. Ademais, un dos módulos correrá a cargo do Centro Quérote de Ferrol (Centro de asesoramento afectivo/sexual) e outro por Adafad, entidade que falará sobre límites e normas.
Cada sesión terá unha duración de hora e media e o horario definirase na primeira sesión do xoves.