Ares gaña o Campionato Galego de Dominó celebrado esta fin de semana na vila
17 Novembro 2008 12:21O equipo do Club Ría de Ares, integrado por cinco parellas, resultou gañador do II Campionato Galego de Dominó por equipos –da primeira Liga Galega de Dominó nesta modalidade-, celebrado o pasado sábado no Hotel Villa de Ares da vila e copatrocinado polo Concello a través da área de Deportes. A victoria do equipo local garante a participación de cinco parellas do citado clube no campionato nacional que se desenvolverá durante os días 6, 7 e 8 de decembro en Santander.
Un total de cen persoas, é dicir, as correspondentes ás cinco parellas (no campionato participan catro e unha suplente, que se vai turnando co resto) dos dez equipos procedentes de toda Galicia inscritos na competición, xogaron dun xeito casi ininterrumpido –só pararon para xantar- entre as 11.00 e as 20.00 do sábado, hora á que se procedeu á entrega dos trofeos aos participantes.
Dos catro equipos que xogaron a fase final, Ares quedou, con seis puntos, en primeiro lugar –cinco parellas no campionato nacional-, Sada, con tres puntos, en segundo - aportará tres parellas-, Pontecaldelas, con dous puntos, en terceiro –una parella- e Chantada, cun punto, no cuarto –enviará outra parella a Santander-.
Un dos integrantes do equipo local, Manuel Cendán, destacou o elevado nivel do campionato e se mostrou moi satisfeito do resultado acadado polo Club Ría de Ares. Esta importante victoria é unha boa mostra do elevado nivel que existe nesta localidade, na que a práctica do dominó está moi extendida e se vincula ao carácter pesqueiro da vila. O propio alcalde, Julio Iglesias, na rolda de prensa de presentación do campionato, celebrada o pasado xoves no Consistorio, manifestaba que o dominó resposta e unha práctica “moi cotiá” e “significativa” no municipio.