Un centenar de persoas participarán no Campionato Galego de Dominó copatrocinado polo Concello
13 Novembro 2008 13:31O hotel Villa de Ares acollerá o sábado, día 15, o II Campionato Galego de Dominó por equipos, o primeiro que se celebra neste municipio e que conta co copatrocinio do Concello. Esta mañá, no marco nunha rolda de prensa celebrada no despacho da Alcaldía, o rexedor aresán, Julio Iglesias; o presidente da Federación Galega de Dominó, Federico Pérez-Lago Álvarez; e o directivo do Club Ría de Ares, Manuel Cendán, presentaron esta actividade, na que participarán dez equipos –cada equipo está formado por cinco parellas-, cun total de 100 deportistas, e que se desenvolverá entre as 11.00 e as 20.00 (hora á que se procederá á entrega dos trofeos e diplomas).
Iglesias subliñou a grande afición ao dominó existente en Ares e, neste sentido, lembrou que “moitos vivimos coa práctica deste deporte en diversos bares da vila”. O dominó, engadíu, responde a unha práctica “moi cotiá” e “significativa” no municipio; de aí que a intención do Concello sexa a de consolidar esta cita en vindeiras ocasións. Ademais, destacou o elevado nivel do equipo local, do que forma parte Manuel Cendán.
Este último, que agradeceu a importante colaboración do Concello neste campionato, asegurou que o seu clube está moi ilusionado porque quedou no primeiro posto na liga local. “Tenemos bastantes posibilidades de llevar parejas al Campeonato Nacional de Santander”, manifestou Cendán, que fixo fincapé na afición polo dominó orixinada polo carácter pesqueiro da vila. A este respecto, o representante do Club Ría de Ares apuntou que a súa entidade pretende que esta tradición non se perda, polo que se brindou a colaborar dun xeito altruista para fomentar este deporte, tanto no colexio como a través da creación dunha escola municipal.
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Dominó destacou a boa acollida desta iniciativa por parte do Concello e, concretamente, do alcalde, así como do resto dos patrocinadores e do Club Ría de Ares. Pérez-Lago dixo que “hemos querido corresponder dicha acogida involucrando a todos los equipos y a esta Federación en este evento deportivo y eminentemente popular, compartiendo los valores y el espíritu que con tanto estusiasmo trasmiten los atletas –o presidente desta entidade subliñou a necesidade de que o dominó sexa considerado como deporte- que componen esta Liga Gallega por equipos”.
Da competición deste sábado sairán as cinco parellas que integrarán a Selección Galega que viaxará a seguinte fin de semana a Santander para participar no Campionato Nacional.