A Semana da Lactancia Materna trae a Ares unha exposición, unha mesa informativa e unha charla
07 Octubre 2008 10:30O Concello de Ares, a través do Centro de Información ás Mulleres, en colaboración coa Asociación BBTTA, organiza unha serie de actividades co gallo da celebración da “Semana da Lactancia Materna”. Unha exposición fotográfica, que está aberta ao público dende onte, unha mesa informativa e unha charla-coloquio centrarán o programa promovido dende a administración local.
A mostra, composta de imaxes de nais lactantes cos seus fillos, poderá contemplarse no salón de actos da Alianza Aresana ata o vindeiro 10 deste mes, entre as 10.00 e 14.00 horas e entre as 16.00 e as 20.00.
En canto á mesa informativa, estará instalada o día 10 (venres) nos arredores do centro de saúde da vila, aínda que se trasladará á entrada do Consistorio se o tempo non acompaña. Esta iniciativa desenvolverase entre as 11.00 e as 13.00 horas e contará coa presenza de profesionais que informarán sobre as ventaxas da lactancia e resolverán as dúbidas que plantexen os cidadáns ao respecto.
Tamén o día 10 terá lugar unha mesa redonda. Esta charla, que contará coa participación de Isaura González (matrona do centro de saúde de Narón), Beatriz Rodríguez (traballadora social do Concello de Ares) e asesoras da Asociación BBTTA, terá lugar no salón de actos da Alianza Aresana ás 17.30 horas.
Dende a Concellaría de Servizos Sociais, que dirixe a edil socialista Victoria Montenegro, agardan que estas actividades sexan de interese para as mulleres deste municipio.