O alcalde asina dous importantes contratos para as obras de A Xunqueira e da Praza da Igrexa
01 Octubre 2008 12:02O alcalde de Ares, Julio Iglesias, vén de asinar o contrato para a execución dos traballos de recuperación de A Xunqueira e o da segunda fase das obras da praza da Igrexa. En total, as partidas que se desembolsarán para as dúas actuacións ascenden a 525.965,68 euros, o que da unha idea da importancia das intervencións que se levarán a cabo neste municipio.
No que se refire ás obras de acondicionamento do parque fluvial do río Xunqueira, será a empresa Concifa a que se encargue da execución dos traballos. A intervención, que responde a un convenio de colaboración suscrito coa Consellería de Medio Ambiente –departamento que asumirá o custe da actuación-, está estructurada en dúas fases cun prazo de execución de seis meses para cada unha. A primeira, foi adxudicada a Concifa por un importe de 182.009,10 euros, mentres que a segunda será executada pola mesma empresa por 194.045,14 euros.
A contratación foi realizada por procedimiento negociado, polo que para a selección da empresa adxudicataria foron requeridas tres ofertas diferentes. Finalmente, a de Concifa resultou a máis ventaxosa e, polo tanto, foi a elixida para executar esta actuación, coa que se recuperará unha das máis importantes zonas verdes do municipio e incluso da comarca.
En canto á praza da Igrexa (Sánchez Barcáiztegui), trátase da segunda fase de urbanización de dito espazo. Neste caso, os traballos, que teñen un prazo de execución de catro meses e un importe de 149.911,44 euros (financiados por Política Territorial), consisten no soterramento de canalizacións. A encargada de executar a intervención, e coa que o alcalde asinou o contrato, é Xestión Ambiental de Contratas. A urbanización desta praza rematará coa terceira fase.
Unha vez asinados sendos contratos, as obras comezarán de xeito inmediato.