O goberno local somete a votación do pleno un expediente de modificación de crédito de 733.557,6 euros
24 Setembro 2008 14:30O grupo de goberno local aresán someterá a votación do pleno da corporación un expediente de modificación de crédito por un importe de 733.557,6 euros. A sesión ordinaria de fin de mes terá lugar mañá xoves ás 11.00 horas.
Neste expediente recóllense aquelas partidas que, ben por superar as previsións iniciais ben por corresponderse con actuacións subvencionadas por outras administracións que precisan dunha aportación municipal ou por ter que abordar necesidades de urxencia para garantir o benestar dos veciños de Ares, non figuraban nos orzamentos aprobados deste ano.
Entre outras partidas, destacan a do mantemento e desbroce de Santa Catalina (12.000 euros), a colocación de diversos puntos de alumeado público (8.000 euros), a realización de diversas actividades culturais (90.000 euros) tales como a celebración da tradicional cea-homenaxe ás persoas maiores, a aportación do Concello para a subvención da Deputación para a instalación do alumeado público en Prados Vellos (25.287,12 euros), a aportación para a pavimentación e dotación de servizos nas rúas do Medio, Ribeira, de Arriba e tramo da rúa de Abaixo en Redes (99.000 euros), a partida correspondente á adquisición, con axuda da institución provincial da chamada Casa das Nenas (72.000 euros) ou a aportación municipal para a adquisición, por parte da Dirección Xeral de Administración Local, dun vehículo todoterreo para a Policía Local (9.215,66 euros).
No pleno tamén se someterá a votación a adhesión do Concello de Ares, en calidade de socio, á Asociación Grupo de Acción Costeira-Golfo Ártabro e a proposta da Alcaldía para fixar as festividades locais correspondentes a 2009. Nesta ocasión, as datas elixidas son o 25 de febreiro e o 2 de xuño.