A exposición do concurso de pintura "Manuel Rebón-Concello de Ares" inaugúrase mañá
31 xullo 2008 13:20A exposición correspondente ao premio de pintura “Manuel Rebón-Concello de Ares” quedará aberta ao público mañá venres a partires das 19.00 horas. A mostra poderá contemplarse no local do CIRS de Cervás, aínda que ao longo do mes a exposición percorrerá outros locais do municipio.
A entrega de premios deste certame, que este ano por vez primeira foi convocado polo Concello de Ares (a través da Concellaría de Cultura), terá lugar o día 30 de agosto no CIRS de Cervás. O xurado, composto por Paula Aneiros, Chus Alonso, Antonio Seijas e Eugenio Fernández (presidente do CIRS de Cervás) como secretario, xa fallou o concurso, cuxo primeiro premio, consistente en 800 euros, foi para a ferrolá Carmen Martín (gañadora da pasada edición) pola obra “Ares de plata”. O segundo premio, de 500 euros, recaeu en Francisco Maceira, tamén ferrolá, por “Os pinos de Promontorio”, mentres que os accésit foron para Sara Garrote Gil, de A Coruña, por “El descanso”, e para Mª Dolores Fernández González, de Fene, por “A laranxeira”.
En canto á modalidade de mellor pintor local, dotada con 300 euros, o xurado elixíu a obra “As Mirandas”, de Laura Méndez Martínez.
En total, foron 38 as obras que se presentaron a este certame, das que 24 pasan á exposición final.