O grupo de goberno solicita ao Consorcio a posta en marcha do programa "Xantar na casa"
18 xullo 2008 13:32O alcalde de Ares, Julio Iglesias, vén de remitir ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar unha solicitude de adhesión ao programa “Xantar na casa”, que desenvolve dito organismo e que consiste nun servizo de comida a domicilio co que se pretende garantir unha alimentación adaptada ás necesidades de persoas maiores e/ou dependentes.
No caso de que dita solicitude sexa aceptada, o Concello de Ares e o Consorcio asinarán un convenio de colaboración que regulará a relación entre ambas institucións na prestación do servizo de xantar.
O grupo de goberno aresán ten moito interese en poder contar con este servizo, xa que, como subliñou a concelleira de Servizos Sociais, Victoria Montenegro, que o pasado xoves acudía a A Coruña ao acto de presentación deste programa por parte da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar, a súa implantación beneficiará a unha serie de veciños de Ares que teñen diferentes dificultades co xantar.