A biblioteca municipal de Ares acollerá unha conferencia sobre a Sensibilidade Química Múltiple
25 Xaneiro 2022 13:53
O próximo venres, 28 de xaneiro, ás 19.00, afondarase nos métodos de prevención desta enfermidade que conleva síntomas coma alerxias, dificultades respiratorias, fatigas ou mareos.
A Concellaría de Cultura programará unha nova charla nas instalacións da Alianza Aresana, desta volta para afondar na Sensibilidade Química Múltiple (SQM) e nas circunstancias que a rodean. O venres, 28 de xaneiro ás 19.00 horas, a médica María Argentina Rey Fernández e a enfermeira Gelis Soto Gómez, ambas afectadas pola SQM, impartirán unha conferencia co foco posto na prevención e divulgación da propia enfermidade emerxente.
A sensibilidade química múltiple caracterízase pola baixa tolerancia a substancias químicas existentes no ambiente, que ocasiona a aparición dunha sintomatoloxía múltiple: dende mal estado xeral a dificultades respiratorias, fatiga ou náuseas. En ocasións, o cadro clínico pode confundirse con outras doenzas, aínda que en realidade sexan parte do SQM.
Dende a área de Cultura recalcan que a entrada á conferencia é libre ata completar aforo, mais tamén pregan que as persoas asistentes non acudan con colonias ou perfumes, ao tratarse de substancias que poden ser irritantes. Con todo, e dada a singularidade da enfermedidade das relatoras, unha delas participará a través da aplicación Zoom e outra intervirá presencialmente no acto.