Finalizan as obras de humanización da Plazuela dos Reais Alfolíes
20 Xaneiro 2022 13:00A actuación centrouse na renovación integral do abastecemento e saneamento, mais tamén na dignificación dun espazo público con valor patrimonial que resume a orixe de Ares.
A Plazuela dos Reais Alfolíes xa conta con novo aspecto, mais tamén cunha renovada infraestrutura de abastecemento e canalizacións. A Concellaría de Urbanismo vén de informar no día de hoxe do remate dos traballos de humanización nesta área, co principal obxectivo de poñer en valor un espazo público, o mesmo núcleo do Porto, que resume a orixe de Ares.
As obras recentemente finalizadas baseáronse nunha renovación integral de abastecemento de auga, pluviais, fecais, canalizacións telefónicas, canalizacións da rede de baixa tensión e pavimentos, incluíndo o formigonado en azul da área. A intervención, a segunda fase das seis contempladas dentro dun proxecto de mellora integral da zona do Porto, foi sufragada entre o Concello de Ares (104.308 euros) e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (67.760 euros).
Olimpia Marcos, edil de Urbanismo, salientou a importancia das actuais obras, mais tamén das actuacións futuras relacionadas co núcleo do Porto: “a humanización destes espazos dignifican o entorno das construcións clásicas aresáns, con valor patrimonial, histórico e cultural, mais tamén permiten aumentar o benestar xeral dos veciños, coa renovación completa das infraestruturas”.