Comeza a oitava edición do obradoiro dual Reinicia
19 Xaneiro 2022 14:00
O programa de emprego Reinicia VIII, promovido polo Concello de Mugardos, Ares, Cabanas e Fene iniciou xa o seu conxunto de sesións de formación tanto teórica coma práctica. Esta oitava edición, subvencionada pola Consellería de Emprego e Igualdade, conta con 20 alumnos e alumnas distribuídos nas dúas ramas profesionais sobre as que se traballará: “Actividades de conservación e mellora de montes” (10 prazas) e “Atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio” (10 prazas), incluíndo en ambos casos contratos laborais de formación e o proceso de aprendizaxe durante nove meses.
Os vinte alumnos deste Reinicia VIII recibirán sesións de orientación laboral e busca activa de emprego; formación transversal en informática e en sensibilización medioambiental e traballarán con cuestións vinculadas á prevención en riscos laborais. Entre os principais obxectivos do ciclo dual, atópase a mellora da capacitación profesional do alumnado e o aumento da súa empregabilidade, coa adquisición e certificación das competencias necesarias dentro de cada especialización.
Durante o tempo que dura o proceso formativo, o alumnado tamén realizará traballos de interese público, coma labores de mantemento e mellora en áreas verdes ou espazos recreativos municipais —no caso da formación en Conservación de Montes—, ou intervencións nos servizos de axuda a domicilio dos concellos participantes —no relativo ó ciclo de Atención sociosanitaria a persoas dependentes—.