Fronte común de once Concellos de Eume e Ferrolterra para esixir á Xunta: Que o transporte Metropolitano recupere de inmediato as liñas, horarios e frecuencias que tiña ata hai un ano
14 Xaneiro 2022 19:23“Foi a consellería de Mobilidade a que redactou os pliegos do contrato e adxudicou o servizo, os concellos queremos solucións urxentes pero non temos competencias”, aseguran
Un total de once concellos de Eume e Ferrolterra reuníronse esta mañá no Concello de Pontedeume para falar da problemática do transporte metropolitano e esixir á Xunta de Galicia “que recupere de forma urxente as liñas, horarios e frecuencias que tiña ata hai un ano”.
En concreto, na xuntanza participaron alcaldes e representantes dos concellos de Ferrol; As Pontes; Miño; Pontedeume, Naron; Cabanas; Ares; Monfero; Fene; Neda, e A Capela. Todos eles lamentan “a actitude e o desleixo hacia a nosa comarca da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia nun tema tan importante como o transporte público por estrada”.
Os problemas comezaron en xaneiro de 2021, cando entrou en servizo o novo contrato e o cambio de empresa adxudicataria. “Foi tan esperpéntico que só tivemos un día para alegacións e o documento coas liñas enviado pola Xunta non coincidía co plan de traballo exposto pola empresa”, lembran.
Os concellos apoian todas as críticas da plataforma de afectados e tomarán novas medidas de presión “se non chegan solucións nos próximos días para poñer fin a uns problemas que afectan a milleiros de veciños e veciñas”.
“Os alcaldes queremos solucións pero non podemos dalas neste tema, é un contrato adxudicado pola consellería, non temos ningún tipo de competencias”, engaden.
“Son moitas deficiencias, a situación é lamentable e empeora cada mes, continuaremos cun seguimento exhaustivo do problema e non descartamos abandonar o convenio do transporte metropolitano; o servizo a día de hoxe é totalmente insuficiente”, afirman.
Por último, os alcaldes dos concellos afectados lamentan “un novo problema para unha comarca xa moi castigada, todo comezou cun pliego para a contratación que non se axustaba á realidade; é a Xunta a que ten que facer algo de forma inmediata”.