Arrancan as obras para a construción do novo aparcamento no Club de Tenis de Redes
14 Xaneiro 2022 13:00A actuación axudará a solventar os problemas actuais de estacionamento, habilitando 107 prazas para vehículos e exercendo coma válvula de mellora e desconxestionamento.
Contan cun orzamento de 130.000 euros con cargo ós fondos municipais e un prazo de execución aproximado de tres meses.
O Concello, a través da súa área de Urbanismo, vén de anunciar do inicio das obras para o novo aparcamento do Club de Tenis de Redes, coas primeiras accións de replanteo e delimitación dos elementos descritos no proxecto. Na próxima semana, aproveitando a boa climatoloxía, comezarase tamén co movemento e adecuación previa do terreo.
A intervención conta cun orzamento de 130.000 euros, IVE incluído, asumido polos fondos municipais, e permitirá ampliar e mellorar a oferta de aparcamento na parroquia aresá. Calcúlase, segundo o proxecto técnico, que terá un prazo de execución aproximado de tres meses.
Coa construción e ampliación do aparcamento próximo ao club de tenis, Redes experimentará un incremento nas súas prazas de estacionamento, habilitándose 107 espazos para os vehículos: 70 destinado a emprego público e 37 privadas. A esencia é solventar os problemas actuais tanto para veciñanza como para visitantes da localidade, especialmente no relativo ó período estival. Dende a área de Urbanismo exponse que actuará coma unha “válvula de mellora na zona” con carácter “plenamente gratuíto”.
Así, o proxecto contempla traballos de acondicionamento do terreo, con acabado en losa céspede na área de estacionamento e formigón desactivado nos viais de circulación; construirase un peche perimetral con muros de blosque visto e levaranse a cabo tarefas de xardinería, sinalización e iluminación xeral do espazo.