O alcalde de Ares, e a concelleira de Deportes, recibiron no día de onte a visita de Sergio Pena, recente gañador do 17 Slálom Scratch de Fene,
12 Xaneiro 2022 13:00O alcalde de Ares, Julio Iglesias, e a concelleira de Deportes, Noelia Montero, recibiron no día de onte a visita de Sergio Pena, recente gañador do 17 Slálom Scratch de Fene, para formalizar a entrega dun calendario conmemorativo polo bicampionato galego; Pena revalidou nos últimos compases de decembro un título que xa lograra no 2019, tamén coa A Queira Racing, consolidando a súa traxectoria dentro do eido do motor.
Tanto o alcalde coma a concelleira aproveitaron a ocasión para transmitirlle persoalmente os seus parabéns, amais do agradecemento pola entrega do calendario. Noelia Montero salientou o “desexo de que este ano chegue tamén cargado de éxitos para os deportistas aresáns”, coma aconteceu durante o 2021 en diferentes modalidades, e expresou “o esforzo continuado” que se realiza dende o organismo municipal para “contar coa mellor planificación posible de fomento e coidado dos nosos clubs deportivos e os seus integrantes”.