O proxecto "Bicicletares" poderá inaugurarse na segunda semana de abril
28 Marzo 2008 10:56O servizo de “En bici por Ares: Bicicletares”, que se enmarca dentro do Plan de Dinamización Turística de Ferrol-Ortegal, poderá ser inaugurado ao longo da segunda semana do mes de abril. Así se informou esta maña na Comisión de Deportes, que incluía na orde do día dar conta do estado de execución deste proxecto de aluguer de bicis. Aínda que a inauguración sexa na data anteriormente citada, nun principio haberá un período de proba no que se irá poñendo en práctica a normativa, de xeito que en xuño, coincidindo co inicio da temporada estival, a servizo estea operativo ao 100%.
A este respecto, os responsables municipais xa iniciaron contactos con distintas sociedades de cara a poder coordinar o servizo de aluguer, descentralizándoo e ampliando os lugares nos que será posible recoller e deixar as bicicletas. Para acadar este obxectivo, se pretende establecer puntos nas diferentes parroquias do municipio ou incluso no casco de Ares, a maiores dos acordados inicialmente.
En canto ás obras, xa está rematada a remodelación e o acondicionamento dos baixos da Alianza Aresana, que será a estación central das bicis. A intervención, xa recepcionada, foi executada pola empresa Norvial, despois dunha adxudicación realizada pola Deputación Provincial.
Con respecto á outra fase do proxecto, a do subministro de bicicletas en distintas tallas, modelos (para home, muller e neno) así como de complementos (cestas, cascos, chalecos, bolsas de ferramentas, etc.), xa foi enviado todo o material ao Concello. Tamén comezou a presentación e distribución dos aparcabicis polo casco urbano e zona rural (a colocación definitiva rematará esta mesma semana, no primeiro caso, e na primeira de abril, no segundo).
PROGRAMA “POR TERRA, MAR E AIRE!2008”
Na Comisión de Deportes tamén se deu conta do programa intermunicipal de actividades na natureza “Por terra, mar e aire!” correspondente a este ano 2008. Nesta décima edición, tanto o Concello de Ares como o de Mugardos desenvolverán diversas iniciativas ao longo dos meses de maio e xuño, e que contarán con diversos patrocinadores, como Bicicletas GIANT, Movistar, Supermercados Gadis, Ciclos Roca e Coca-Cola.
Rota de sendeirismo pola costa, canoa pola ría de Mugardos, rotas a cabalo polo Belelle, canoa na ría de Ares e rota en bici de montaña entre as dúas rías forman parte do calendario de actividades nas que participará este municipio.
TORNEO INTERMUNICIPAL DE FÚTBOL SALA ARES-MUGARDOS
Finalmente, a comisión tratou o remate do I Torneo Intermunicipal de Fútbol Sala Ares-Mugardos, que se desenvolveu os xoves e venres de 20.30 a 22.30 horas nos pavillóns deportivos dos dous concellos e que contou coa participación de oito equipos de ambas vilas.
O remate será o día 4 de abril. Nesta xornada terá lugar unha cerimonia de clausura, que consistirá na entrega de trofeos aos catro primeiros clasificados e de vales en material deportivo para ditos equipos. O acto celebrarase ás 22.30 horas no pavillón mugardés, instalación na que se disputaron os partidos durantes as xornadas dos venres.