O Concello repartirá 200 kilos de caramelos entre os nenos nas cabalgatas de Papá Nöel e Reis
19 Decembro 2007 12:58O Concello de Ares, a través da Concellaría de Cultura, repartirá un total de 200 kilos de caramelos nas cabalgatas de Papá Nöel, que se desenvolverá o 24 de decembro dende as 16.00 horas –sairá da praza do Pedregal de Redes-, e a de Reis, que terá lugar o 5 de xaneiro á mesma hora e dende o mesmo lugar que a de Papá Nöel. A concelleira de Cultura, a socialista Ana María Fernández Coira, informou de que os caramelos non levarán ningún ingrediente nin aditivo que conteña gluten, polo que tódolos nenos, sexan celíacos ou non, poderán degustar estas lambetadas.
INICIO DAS ACTIVIDADES DE NADAL
Por outra banda, mañá xoves levarase a cabo unha das primeiras actividades que integran o programa de Nadal organizado polo departamento que preside Ana Fernández Coira. Así, ás 18.00 horas comezará unha sesión de contacontos, dirixida aos rapaces do municipio. A actividade correrá a cargo de Luis, un artista que vén colaborando habitualmente co Concello e co colexio de Ares, e terá lugar na Alianza Aresana.
Xa o venres, desenvolverase un obradoiro de postais de Nadal, que tamén será na Alianza ás 18.00 horas. O obradoiro vai orientado a rapaces dende os catro anos e consistirá nunha sesión de aprendizaxe para que os máis pequenos fagan as súas propias postais de Nadal.