O Consorcio saca a concurso os proxectos da galescola e do centro de día de Ares
24 Marzo 2008 15:29O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas resolucións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar polas que se anuncia, en primeiro lugar, o concurso público para a elaboración do proxecto básico, proxecto de execución e a execución da obra de construcción dunha galescola situada na urbanización Granxares, na rúa da Paz, de Ares, e, en segundo, o concurso público para a elaboración do proxecto básico, proxecto de execución e a execución da obra de construcción dun centro de día para a atención a persoas maiores. Dita instalación estará ubicada nunha parcela da urbanización Marina do Pombal, na parroquia aresana de Caamouco.
Como se indica no DOG, o prazo de execución está fixado, nos dous casos, en dez meses contados dende o asinamento do contrato. O período establecido para a presentación das ofertas é tamén igual, é dicir, 26 días naturais contados a partires do seguinte ao da publicación do anuncio –dende mañá martes-. En canto á apertura das plicas, que terán que entregarse en prazo no rexistro do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a data está fixada para o séptimo día hábil seguinte ao de remate do período de presentación de ofertas, estando prevista a apertura para o proxecto do centro de día ás 09.00 horas e a da galescola para as 10.00 horas.
O orzamento base de licitación ascende, no caso do centro de día de Marina do Pombal, a 871.871,02 euros, distribuidos en dúas anualidades: 592.402,60 euros na de 2008 e 279.468,42 euros na de 2009.
A galescola, pola súa banda, conta cun orzamento de 601.861,13 euros, dos que 409.019,25 euros corresponden á anualidade de 2008 e os 192.841,88 restantes ao exercicio de 2009.
Deste xeito, dase un importante paso para a execución de dúas infraestructuras moi necesarias para o Concello de Ares, municipio que conta cunha importante poboación de 0 a 3 anos, motivada polo constante crecemento da poboación e a ausencia de centros de educación infantil, e pola existencia, noutro extremo, dunha destacada franxa de persoas da terceira idade. De feito, a consecución destes servizos foi un dos primeiros obxectivos do actual equipo de goberno.
Neste sentido, hai que recordar que o alcalde, o socialista Julio Iglesias, iniciou os contactos coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar pouco despois de acceder ao seu posto, que foron respostados por parte da Administración autonómica con diversas visitas de técnicos –xa en verán- para comprobar in situ as posibilidades das parcelas ofrecidas polo Concello de Ares. Foi nun pleno extraordinario celebrado o pasado 22 de novembro, e despois –en outubro- da adhesión do Concello ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, cando se aprobou a cesión de ditos terreos, asuntos que contaron coa abstención do grupo municipal do BNG.
Para o rexedor socialista, estes logros son fundamentais dentro das políticas de benestar para o desenvolvemento de Ares, e recordou que o seu goberno pretende repartir os diferentes servizos públicos polas diferentes parroquias do Concello, de modo que todo o municipio conte coa atención e servizos necesarios. Tamén se mostrou satisfeitoante esta nova, que vén a continuar un traballo iniciado por él mesmo hai nove meses.
Agora, o importante, dixo, é que se axilicen, na medida do posible, estes trámites, de xeito que ambos servizos poidan comezar a prestarse á maior brevidade posible.