O Concello continúa as obras de renovación do abastecemento de auga no casco urbano de Ares
02 Octubre 2020 13:00
O Concello licitará nos vindeiros días as obras do POS 2020, para executar catro obras que suman un investimento de 494.512,00 €.
O Concello prosegue coa renovación das infraestruturas de abastecemento en todo o núcleo urbano. Así, con cargo aos fondos do POS desta anualidade sufragaranse novas actuacións. A primeira consiste na mellora de rede de abastecemento na rúa dos Anxos (desde a altura do mercado ata o cruce coa rúa San Xosé), rúa Franxa (pola parte de atrás da Ferretaría Sar ata a avenida de Mugardos) e saída do depósito na rúa Rodríguez Castelao, por un importe que ascende a 131.175,86 €.
A segunda das obras consiste na renovación do abastecemento nas rúas María, Cupido e Estrela, cun investimento de 139.955,67 €, ademais das obras na rúa María (desde a praza da Igrexa ata a avenida de Mugardos) e Real (desde a avenida de Mugardos ata as escolas do Lago), cun importe de 103.320,25 €.
Tamén dentro do programa provincial, incluirase a actuación para continuar a senda xa iniciada na anterior lexislatura no camiño de Pedrós, por un importe de 120.060,31 €. A senda transcorrirá pola marxe esquerda desde a cidade deportiva ata o núcleo de Pedrós.
Ademais destes traballos, que se licitarán nos próximos días e se executarán o vindeiro ano, o Concello iniciará de xeito inminente as obras da rehabilitación da envolvente da antiga Reitoral, con cargo ao POS 2019 e cun importe de 114.000 €; a adecuación e mellora do acceso á praia do Raso, cofinanciado por Golfo Ártabro cun importe de 49.008,61 €; e a posta en valor da Alianza Aresana como Centro de Promoción e da Cultura Indiana, con cargo á Axencia Galega de Turismo, cun importe que ascende a 32.701,64 €.
Tamén nos próximos días se licitará unha obra de gran interés para o patrimonio de Ares, que consiste na execución da cuberta da cociña do Mosteiro de Santa Catalina, a través dun convenio coa Diputación Provincial promovido pola administración local. O investimento desta actuación ascende a 131.000,02 €.