O Concello organiza unha ruta de sendeirismo polas Fragas do Eume o próximo domingo
17 Octubre 2018 08:19
O Concello de Ares, a través da área de Deportes, informa de que aínda segue aberto o prazo para inscribirse na actividade de sendeirismo organizada para o próximo domingo, día 21.
Trátase duha ruta a pé, de aproximadamente doce quilómetros de percorrido e de dificultada media, pola zona de Monfero das Fragas do Eume. A saída en microbús está prevista ás 9 horas dende a Alianza Aresana, para realizar a caminata e regreso en torno ás 14 horas ao punto de partida.
Segundo indican os responsables da organización desta actividade, a idade para poder participar establécese a partir dos 16 anos (ata 16 sempre acompañados dun adulto que se faga responsable).
Será tamén imprescindible usar chuvasqueiro, así como roupa e calzado axeitados para camiñar por zonas de monte (recoméndase levar dous pares de calcetíns e de calzado, xa que algún tramo da rota transcorrerá por zonas húmidas) e usar unha mochila pequena na que poder levar un tentempé e bebida.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse na Alianza Aresana, en horario de 9 a 14 horas, e de 16.30 a 19.30 horas. A actividade ten un custo de 5 euros que se poderán aboar nas propias dependencias da Biblioteca ou mediante transferencia bancaria.