A Alianza Aresana acolle o venres 28 a presentación da novela Doce Cartas a María Victoria Moreno
21 Setembro 2018 14:48
A obra, da autora Ánxela Garcián, narra a vida e obra da escritora María Victoria Moreno, e conta coas ilustracións do aresán Antonio Seijas, que tamén participará no acto
O salón de actos da Alianza Aresana acollerá o venres 28 unha nova cita literaria coa presentación da novela Doce cartas a María Victoria Moreno, a cargo da súa escritora, Ánxela Garcián, e do ilustrador da obra, o aresán Antonio Seijas.
Trátase da primeira biografía novelada da autora, na que narra a vida e obra da homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, a través das cartas que un dos personaxes máis entrañables de María Victoria Moreno, o lobo agarimoso, lle dirixe á súa creadora, facendo especial fincapé no seu percorrido vital e literario, o seu compromiso coa cultura galega ou a súa visión dinamizadora da docencia.
O acto, que servirá para dar a coñecer aos asistentes o traballo e permitirlles descubrir de primeira man os seus detalles, dará comezo ás oito da tarde, e contará tamén coa presenza do alcalde, Julio Iglesias, da concelleira de Cultura, Alma Barrón e da editora, Laura Rodríguez Herrera.
A obra, publicada pola editorial Hércules de Ediciones, poderá ser adquirida o mesmo venres durante a presentación.
Desde a concellería de Cultura, área que organiza o evento, destacan a calidade do traballo e animan á participación