O Concello abre o prazo de inscrición nas Escolas Municipais Culturais e Deportivas
10 Setembro 2018 13:06As actividades ofertadas, arredor de trinta en total, desenvolveranse entre o vindeiro mes e o de maio de 2019
O Concello de Ares abre o mércores 12 o prazo de inscrición nas escolas municipais culturais e deportivas, que comezarán a funcionar a partir da primeira semana do mes de outubro ata o mes de maio de 2019.
No tocante a Cultura, o programa de actividades convocadas para este ano inclúe: Música (dende os catro anos); Debuxo e pintura (adultos e infantil); Iniciación de inglés; Perfeccionamento de inglés; Encadernación; Gaita e percusión; Xadrez; Informática; e Psicomotrocidade infantil.
Xinmasia, Ioga, Pilates, Fitness, Minibaloncesto, Tenis, Baile de salón e latinos, Danza contemporánea e moderna, Escola de Ximnasia rítmica, Tenis de Mesa, Vela, Voleibol, Kaiak e Padelsurf; ou Spinning son algunas das propostas deportivas ofertadas polo Concello, que conta, nalgunhas das actividades, con clubes locais ou comarcais para o seu desenvolvemento.
As persoas que desexen apuntarse nalgunha destas actividades, poderán facelo ata que se completen os grupos no pavillón deportivo municipal, de luns a venres, en horario de 09.30 a 13.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
No que se refire ao pago da matrícula, que ascende a 9,36 euros no caso de empadroados en Ares e 17,54 euros para os que non o son, así como da primeira mensualidade correspondente a outubro, poderá realizarse entre os días 1 e 15 de outubro, recomendándose para este extremo o pago domiciliado ao haber horario limitado para facelo nas dependencias do pavillón (os luns de 9.30 a 12 e de 17 a 20.30 horas; e os mércores e venres de 17 a 20.30 horas).
Como en anos anteriores, o Concello aplicará descontos e incluso exención de cotas para familias numerosas ou carentes de recursos económicos. A este respecto, hai que subliñar que o desconto será do 50% na matrícula e na actividade de menor importe no caso de que haxa tres ou máis inscripcións e tamén do 50%, pero en todo, no caso de familias numerosas. As actividades e matrícula serán de balde para as familias carentes de recursos económicos, previa entrega da documentación que así o acredite.
Todas as persoas que estean interesadas en tomar parte nalgunha actividade deberán entregar cumprimentado o formulario de inscrición, ao que terá que engadir unha fotocopia do DNI ou da páxina correspondente do Libro de Familia. Para domiliciar o pago das actividades, haberá que cubrir un formulario.