Inician as obras de rehabilitación do Alboio de Quinín na praia de Area Morta de Redes
03 Setembro 2018 13:14

Tras un longo trámite coa Demarcación de Costas para conseguir a concesión para ocupación dos corenta metros cadrados de dominio público marítimo terrestre, por un prazo de quince anos prorrogables a trinta, no día de hoxe asinouse o acta de replanteo para dar luz verde á rehabilitación do emblemático edificio situado na praia de Area Morta de Redes coñecido como “Alboio de Quinín”.
No acto estiveron presentes tanto a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, como responsables da Demarcación de Costas e da empresa adxudicataria dos traballos.
Tal e como explicou a concelleira, trátase dun emprazamento singular e único, xa que en toda a comarca non existe outro edificio con estas características e natureza, que se destinará a un espazo de interpretación das actividades mariñeiras.
O edificio, orixinalmente, estaba destinado a almacén de pescadores e, na actualidade, dado ao seu estado de notable deterioro non ten un uso específico. Nel se gardaban artes de pesca, nasa, reparábanse as redes e se organizaba o traballo dos pescadores. Ao regresar da faena diaria, as redes se secaban nas cabrias e posteriormente se gardaban no alboio de Quinín á espera doutra xornada de traballo.
Coa creación do centro de interpretación e exposicións preténdese impulsar a toma de conciencia sobre a importancia do papel da vida mariñeira e do mar na historia e na cultura do territorio, que cobra especial relevencia nun lugar no que o oficio ten tanto arraigo como é Redes.
O proxecto será financiado grazas ao impulso do goberno local cos trámites para a concesión do espazo, a redacción do proxecto para a súa rehabilitación e as xestións para acadar a financiación necesaria, a través dunha subvención da entidade Golfo Ártabro en dúas anualidades (36.697,23 € en 2018 e 39.762,44 € en 2019).
A empresa encargada de realizar os traballos será Construcciones Canosa e contará cun prazo de execución de dous meses para realizar os traballos contemplados nesta primeira anualidade tales como a cimentación, cuberta, revestimento de fachada, carpintaría exterior, instalación eléctrica e accesos.