O novo Centro de Saúde de Ares estará operativo no próximo verán
23 Xaneiro 2018 14:00As obras do centro de saúde de Ares recibiron esta mañá a visita do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, e do alcalde do municipio, Julio Iglesias, que fixeron un percorrido polas instalacións acompañados doutros representantes da administración autonómica e local. O acto contou coa presenza, entre outros, do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, ou o xerente de Xestión Integrada de Ferrol, Ángel Facio, quenes comprobaron de primeira man acompañados polo conselleiro e o rexedor o avanzado estado das obras da nova edificación que albergará o centro de saúde.
Como se lembrará, éste estará ubicado na mesma parcela que o anterior, á que se lle engadiu outra anexa na parte traseira de casi 600 metros cadrados.
Con esta actuación no só se duplicará o espazo existente senón que tamén suporá un aumento nos servizos. Deste xeito, na planta baixa habilitaranse seis consultas, dúas salas de espera, outra para historias clínicas, toma de mostras e varios despachos. No primeiro andar situaranse outras tres consultas, dúas salas de enfermería, outro espazo destinado á educación para a saúde, un almacén e a consulta da matrona. Os traballos contan cun presuposto que ascende a 1,7 millóns de euros.
Iglesias quixo destacar que a nova construcción supón un hito para a asistencia sanitaria do municipio nos próximos anos, xa que se trata da consecución dun compromiso co que mellorará significativamente un servizo fundamental que se atopaba colapsado. Tamén resaltou que as obras se atopan moi avanzadas e que estarán rematadas no primeiro trimestre do ano, para dotalo de equipación no segundo trimestre e entrar en funcionamento no verán.