Proseguen as actividades de Cultura e Deportes para as Festas do Nadal
26 Decembro 2017 12:35
Ao longo desta semana prosegue o intenso programa de actividades promovido polo Concello co gallo das Festas do Nadal, que inclúe tanto unha ampla variedade de obradoiros como actividades deportivas.
Así, a xornada de mañá comezará coa celebración de dous obradoiros. O primeiro será de elaboración de curriculums e impartirase na Casa da Xuventude en horario de 10 a 12 horas. Tamén pola mañá, de 11 a 14 horas, celebrarase outro obradoiro, neste caso de grafittis. A actividade levarase a cabo no parque Rosalía e ten un custe de cinco euros.
Pola tarde tocaralle o turno a unha actividade deportiva, o tenis de mesa, no pavillón municipal. Dará comezo ás 16.30 horas e vai dirixida a participantes de oito anos en diante.
Xa pola tarde haberá unha representación teatral a cargo do grupo Círculo de Ares. A Alianza Aresana acollerá as obras, baixo os títulos El Fantasma de Navidad e Una Nocehebuena de miedo, a partir das 18.00 horas.
O xoves, día 28, a Casa da Xuventude acollerá un obradoiro de Software Libre, de 10 ás 14 horas. Tamén haberá un obradoiro de patinaxe e skate na Praza da Constitución, dirixido a toda a familia, en horario de 11 a 13 horas. No caso de choiva esta actividade ao aire libre desprazarase á pista do colexio.
Pola tarde os máis pequenos serán os protagonistas dun novo obradoiro. Trátase do “Obradoiro de Pastelería Creativa”, dirixido a grupos de tres a sete anos de idade e de oito a doce anos, que se celebrará na Biblioteca Municipal dende as 16.00 ás 20.00 horas. Esta actividade terá o custo de seis euros.
O venres 29 a Casa da Xuventude acollerá un obradoiro de fotografía dixital, en horario de 10 a 14 horas. Tamén pola mañá, de 12 a 14 horas, desenvolverase o Espazo Cine Clube nestas mesmas instalacións.
Tamén o venres o pavillón municipal acollerá un novo torneo de Tenis de Mesa dende as 10 ás 13 horas. A iniciativa será de balde e para destinatarios a partir dos oito anos.
Outro obradoiro será o protagonista da xonada de tarde, nesta ocasión de maquillaxe de festa. Será na Alianza Aresana a partir das 17.00 horas e está dirixido a participantes a partir dos 15 anos de idade. O custo é de cinco euros.
Pola tarde, ás 18.00 horas, a Alianza Aresana será o lugar de presentación da revista Contrapuntos. Trátase dun traballo da Facultade de Filoloxía Hispánica da Universidade de Kansas en colaboración co Círculo de Ares.
Para rematar o intenso programa de actividades da semana, o domingo 31, a actividade central será a XIII Carreira Popular de Fin de Ano Mugardos-Ares. A cita deportiva, que congrega cada ano a centos de participantes e conta cun percorrido de 10 quilómetros, desenvolverase a partir das once da mañá e contará con sorteos e agasallos entre os participantes que cheguen á meta. Os interesados en participar, de 14 anos en adiante, deberán inscribirse na web da Federación Galega de Atletismo ata mañá, día 27.