Rematan as obras do Fondo de Compensación Ambiental do Concello de Ares
16 Novembro 2017 12:50O Concello informa do remate das dúas obras que foron executadas con cargo ao
Fondo de Compensación ambiental
O Concello de Ares, a través da área de Urbanismo, que dirixe a edil socialista Olimpia Marcos, informa de que acaban de finalizar as obras executadas pola administración local con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.
Deste xeito, nas intervencións que o goberno municipal incluiu dentro desta línea de axudas autonómicas atópase, por un lado, a mellora do saneamento de augas residuais nas rúas Saavedra Meneses e Salazón e, por outro, a mellora da eficiencia enerxética do alumeado público en varios puntos do Concello.
A primeira das actuacións, a de mellora do saneamento de augas residuais nas rúas Saavedra Meneses e Salazón, consistiu en conectar por gravidade a Rúa Salazón ao novo colector de bombeo situado no Parque Rosalía. Con estes traballos conseguiuse non só dar servizo ás vivendas da zona senón tamén descargar a rede municipal na Porta do Sol e solventar os problemas de capacidade que presentaba.
O presuposto das obras ascendeu a 40.000 euros e a empresa encargada de realizalos foi Electridad Permuy.
En canto ao proxecto de mellora da eficiencia enerxética do alumeado público leváronse a cabo actuacións en distintos puntos do municipio, en concreto na estrada AC-123 e na AC-124.
Os traballos foron necesarios xa que a actual instalación estaba deteriorada e obsoleta en canto á tecnoloxoía empregada. As actuacións consistiron na substitución das lámpadas e luminarias de vapor de sodio por luminarias novas de tecnoloxía LED máis eficientes.
O importe dos traballos ascendeu a 50.695,37 euros e Electricidad Permuy foi a empresa adxudicataria dos mesmos.
Para optar a esta liña de subvencións o Concello presentouse no primeiro caso de xeito individual, mentres que o segundo proxecto foi mediante o sistema de xestión compartida co Concello de Mugardos.