O Concello de Ares rinde homenaxe ao equipo benxamín do Numancia pola súa exitosa tempada
17 xuño 2017 12:35O salón de Plenos do Consistorio aresán acolleu esta mañá unha recepción institucional ao equipo da categoría benxamín do Numancia SDR. O acto, que estivo presidido polo alcalde, Julio Iglesias, e a concelleira de Deportes, Alma Barrón, contou coa presenza de membros da directiva do clube, adestradores e a plantilla á que se lle rendiu homenaxe, ademais doutros asistentes, tanto familiares coma veciños, que quixeron apoiar aos xogadores en tan destacado día.
No transcurso do acto desta mañá tódolos compoñentes da plantilla e adestradores asinaron no Libro de Ouro do Concello e recibiron un agasallo conmemorativo en sinal do recoñecemento polos extraordinarios resultados acadados.
Esta homenaxe serviu para recoñecer a súa exitosa traxectoria nesta tempada, proclamándose campións de Copa, subcampións de Liga e subcampións da Fase Provincial.